Asociación de Moaña


O primeiro proxecto serio que se propuxo acometer A Ghudalla trataba dun roteiro etnográfico polo río da Fraga, incluíndo no mesmo diversas actividades lúdicas a celebrarse no complexo deportivo do Beque unha vez rematada a camiñata. Ler o resto desta entrada »

Arte na Illa 2009


A Ghudalla “naceu” nun torneo de billarda. Así que ese é un tema que nos gusta e co que nos sentimos cómodos. Así pois, con motivo da celebración das Letras Galegas, a asociación Meiramar-Axóuxeres de Meira celebra un evento de artesanía tradicional no entorno da illa de Samertolaméu chamado “Arte na illa”. E dentro do programa dese evento incluíuse un pequeno aberto de billarda, que sería levado a cabo por A Ghudalla.

Dito e feito. O único problema radicou na data, que tivo que ser dúas semanas despois do día das Letras Galegas por mor do mal tempo. Polo demais, a pesar de que o campo do que dispuxemos era bastante precario para xogar á cachiza, moitos curiosos achegáronse ata alí, ben para probar a xogar ou ben para observar as evolucións do torneo.

Non se pode dicir que foi un torneo de participación masiva, posto que coincidiu co play-off final da LNB, pero o feito de ver aos mozos competir con vellos que xogaran xa na súa infancia foi o que lle deu un toque especial a este torneo.

Así pois, os tres primeiros clasificados levaron unha peza de artesanía galega como recordo dun torneo que se espera que se leve a cabo cada ano da man de A Ghudalla e Meiramar-Axóuxeres.

 
P1050556

Romaría Das Remeirás


En maio do 2009 con motivo da celebración da Romaría Das Remeirás, que se celebra todo-los anos en A Meixoada, a Asociación “A Ghudalla” organizou un campionato de Cachisa. Éste foi celebrado pola tarde, a partir das 17:00 horas e tivo gran participación, tanto por membros da propia asociación como por xentes que se achegaron para probar sorte. O premio para o campión/a foron uns coellos, facilitados pola organización da romaría.

O torneo saldouse coa victoria de Maria, socia de “A Ghudalla”, que se mediu na final contra Ruba, participante novato neste xogo; pero que demostrou ter un gran golpe. O remate do mesmo os participantes da xornada deportiva quedaron na romaría a disfrutar do bo viño e da actuación de grupos folclóricos do Morrazo.

LNB


Por todos é sabido que a nosa asociación nace a raíz dun torneo de Billarda correspondente á tempada 08/09 da Liga Nacional de Billarda, Conferencia Sur. A Ghudalla é hoxe un dos equipos clásicos da competición, presente en tódolos torneos, e cuns resultados máis que aceptables.

A tempada 08/09, a asociación xogou co nome “Moaña”, xa que no comezo da liga a propia asociación “A Ghudalla” aínda non existía. O equipo acadou a súa mellor clasificación histórica nesta tempada de debut, acabando no 4º posto por equipos. En canto a actuacións individuais, cabe destacar o 10º posto de Arosa e o 12º de David. Ata 17 xogadores defenderon as cores de Moaña nos distintos torneos.

A partires da tempada 09/10, e ata a actualidade, o equipo pasou a chamarse definitivamente “A Ghudalla”, e estrenando equipación. Nesta tempada lograronse dous fitos históricos para o noso equipo. O primeiro deles, a 1ª victoria por equipos nun torneo, logrado en Redondela no primeiro aberto da tempada. O segundo, a presencia dun dos nosos xogadores no Play-Off Nacional. Trátase de Panzo, que acadou o 13º posto na xeral, pero a ausencia dun dos clasificados para a cita de Santiago fixo que o noso palanador estivese presente cos mellores. Nesta tempada, o equipo baixou un posto na xeral, quedando 5º na clasificación final. No individual cabe destacar as actuacións do susodito Panzo (13º), Cara (19º) e David (26º). 17 xogadores en total defenderon as cores da Ghudalla nesta tempada.

Esta tempada 10/11 xa está en marcha cun obxectivo claro para os nosos. Lograr por fin gañar un torneo individual. E intentar mellorar na clasificación por equipos. Mimbres temos de sobra: Panzo, Chuki, Arosa, Cara, Jacobo, María, David, Rubio… Calquera destes podería darnos una alegría en forma de victoria nun aberto. Esperemos que sexa cedo!

Para máis información sobre anteriores tempadas da LNB: http://lnbsur.wordpress.com/2008-09/