A Ghudalla é un localismo que se empregaba hai anos por Moaña (non exclusivamente) para referirse a cando @s nen@s colgaban clase, catequese,… cando eludían o adoutrinamento imposto dende as escolas ou a igrexa, para empregar ese tempo en trasnadas máis proveitosas ou, cando menos, máis divertidas. A día de hoxe prácticamente xa non se utiliza, mais nós quixemos utilizar este termo por esas connotacións de inconformismo, de iniciativa para facer algo, xa que iso é máis ou menos o que pretendemos facer con esta asociación cultural, tomar nós iniciativas para ofrecer aquilo que os estamentos oficiais non sempre nos ofrecen.
A asociación cultural A Ghudalla ten por obxetivos recuperar, divulgar e promover/revalorizar o noso patrimonio, tanto cultural (costumes e tradicións que en moitos casos caíron no saco do esquecemento), como tamén esa riqueza paisaxística, aquilo co que a natureza nos obsequia nestas terras de mar e monte. Os eventos que organizamos (charlas, obradoiros, roteiros, xogos tradicionais, concertos, …) van todos impregnados con ese carácter etnográfico que, coidamos, é a mellor forma de protexer o noso patrimonio, a nosa historia.
Mención especial merece a nosa participación cun equipo permanente na Liga Nacional de Billarda (LNB) dende que se iniciou no sur de Galiza, o pasado 2008. É todo un orgullo levar o nome de Moaña por Galiza adiante cun dos equipos máis numerosos da liga, e non digamos traer ó resto dos equipos da liga a xogar ó noso pobo. Avante cachisa!!!